Sunday 19 de May de 2024

O Departamento de Deportes de Ordes asesorará ás entidades e clubs á hora de adaptar estatutos e regulamentos á nova normativa esixida pola secretaría xeral


O prazo para a tramitación rematará o vindeiro 18 de febreiro e será imprescindible para que non se proceda coa cancelación rexistral

O Departamento de Deportes do Concello de Ordes ofrece a súa colaboración e asesoramento aos clubs e entidades deportivas locais para adaptar os seus estatutos e regulamentos á Lei 3/2012, del 2 de abril, do Deporte de Galicia. O dito trámite deberá realizarse ata o vindeiro 18 de febreiro como data límite, baixo ameaza de cancelación rexistral no caso de non facelo.

Tras a pertinente comprobación no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia a Secretaría Xeral para o Deporte cifrou en preto de 8.500 entidades as que a día de hoxe aínda non teñen adaptados os seus estatutos á Lei do Deporte de Galicia.

Fontes da Xunta apuntan que os criterios de maior interese responden á regulación do destino dos recursos económicos de cara ao cumprimento dos seus fins estatutarios, así como das regras económicas esenciais e o destino do patrimonio en caso de disolución. Tamén debe adaptarse á lei o réxime de responsabilidade de directivos e socios, o disciplinario e o de impugnación dos acordos ante os órganos competentes ante a Federación e o Comité Galego de Xustiza Deportiva.